sábado, 10 de maio de 2014

It's time

 Moitas veces preguntámonos como serían as nosas vidas se non tivésemos nacido onde nacemos. Pensamos en como o azar o é todo, e como o simple lugar ó que pertencemos dirixe o rumbo das nosas vidas, e as persoas coas que medramos e decidimos explorar este mundo definen o noso carácter e a nosa forma de pensar. Falamos do destino
  O destino é un termo bastante subxectivo. Eu non creo no destino. Eu penso que as decisión que tomamos dende o minuto 0, dende que respiramos por primeira vez, son as que dirixen os nosos pasos.
 Hoxe quero falarvos dunha decisión. Unha de moitas, pensaredes, pero dende logo unha relevante. Quero falarvos da miña decisión de vivir o próximo ano nos Estados Unidos.
 A primeira pregunta que pode surxir é: como? Pois grazas á fundación Amancio Ortega e á fundación Barrié, que dan cada ano a 75 galegos a oportunidade de vivir durante 10 meses en calquera cidade de Estados Unidos.
 Eu vou vivir en Seattle, no estado de Washington, coa familia Odell, formada por Robert e a súa filla Hannah. Aínda non puiden falar moito con eles pero parecen realmente encantadores.
 E despois desta, a seguinte pregunta plantexada sería: por que? A resposta a esta pregunta é aínda máis fácil que a anterior. Por que non? Fixéronme estes meses esta pregunta unhas cantas veces, e os argumentos para facela foron moitos e moi variados: que se son moi novo, que se é moito tempo e non poderei aguantar sen a miña familia, que se me vou dar unha ostia cando volva, que se a xente alí non sabe o que é a festa… Eu limiteime sempre a sorrir e a darlles a razón. Pero están equivocados.
 A xente basea a súa vida na espera. Espera a que todo sexa perfecto, a ter a oportunidade máis adiante… A que o tempo nolo de todo en bandexa. Pero se algo aprendín na miña curta experiencia nesto de vivir é que nunca hai un momento idóneo. É fácil ver á xente esperando e esperando a que algo ocorra, en lugar de saír aí fóra e facelo realidade. E sinceramente non quero que iso me pase a min. Pois claro que dá medo. Xa só pensalo dá medo. Pero é que o medo sínteo todo o mundo, xa teñas 16,26 ou 86. Facer os teus soños realidade dá moito, moitísimo medo. Porque… e se non era o que imaxinabamos? E se o pintaban moi bonito pero eu non estou feito para iso? Pero; e se é perfecto? E se é o que sempre tiñamos imaxinado?
 As decisións implican riscos. Implican o risco a ser feliz. A facer o que sempre quixemos facer. A atoparnos a nós mesmos, e a atopar o noso lugar no mundo.